Arrancamos Camiño a Camiño de Primavera 2023 coa primeira etapa da Ría de Vigo, entre a Vía Verde e Rande, pasando pola costa en Chapela.
O ciclo de percorridos, organizado pola Concellería de Medio Ambiente de Vigo, pretende dar a coñecer os valores naturais e patrimoniais do entorno no que habitamos, tentándonos achegar ao complexo sistema que se configura a carón da ría, cunha particular xeoloxía, bioloxía, historia e socioeconomía.
Nesta etapa, ao arrancar pola Vía Verde, poidemos comprobar como esta infraestructura recuperada para a cidadanía tivo unha historia moi longa dende o século XIX e estivo asociada ao desenvolvemento da cidade e ao asentamento de poboación acelerado neste período, chegando a ser a cidade máis grande de Galicia. A todo ilo contribuiu o dinamismo que a Ría de Vigo proporcionou tanto ao asentarse industrias pesqueiras e de conservas, como pola exportación de diversas materias primas, entre elas o ferro e o wolframio que se dirixían aos cargadoiros de Rande pola vía do tren.
Pero a Vía Verde é moito máis: é a historia dun crecemento desordenado onde houbo que dar cubillo a moita poboación inmigrante do interior de Galicia para atender as necesidades das industrias, é a necesidade de crear vias de comunicación co resto de Galicia e coa Meseta para darlle saída á explosión económica vivida, e, tamén, é a historia de como a cidade se expandeu polas parroquias de Casablanca e de Teis a través dun conglomerado rururbano particular.
No tramo realizado pola costa de Chapela e ata Rande comprobouse como a industria pesqueira e os asteleiros teñen un papel relevante e como as bateas están onmirpresentes. Iso sí, en boa medida, a costa de sacrificar o litoral.
Tamén se poido entender como Rande é un lugar singular dentro da ría. Pola Batalla de Rande en 1702 -co seu castelo no estreito de Rande-. Pola Ponte de Rande inaugurada en 1981, que cambiou a dinámica social, contribuíndo á consolidación dunha área metropolitana. E polos xa citados cargadoiros de mineral próximos á via de tren para poder traelo dende Ponferrada ou dende Monforte. Todo isto perfectamente documentado no museo de Meirande, que o Concello de Redondela mantén aberto, e ao que lle agradecemos a atención ofrecida aos participantes de Camiño a Camiño.
De seguido reproducimos algunhas das fotos do álbum que se pode ollar completo AQUI: