Non se podía rematar mellor a serie de percorridos interpretativos pola "Senda das Greas", organizada pola Concellería de Medio Ambiente de Vigo dentro do programa Camiño a Camiño, que coa etapa realizada hoxe entre a Chan da Lagoa e a Senda Fluvial do río Fraga (Baiona). O día presentouse relucente e a sensación térmica resultaba moi agradable e permitiu contemplar a Serra da Groba e a impresionantes panorámicas cara mar aberto e cara a Ría de Vigo.
A Concelleira de Medio Ambiente presentou a etapa lembrando como nas sete etapas realizadas poidemos coñecer a Área Intermunicipal de Vigo, que foi a que promoveu a Senda das Greas (GR-58), e avanzou algunhas das liñas da primavera que vén, que agarda ser intensa.
Durante o percorrido houbo ocasión de lembrar como durante estas semanas poidemos coñecer a fondo os valores naturais e paisaxísticos dunha parte do que ten que ser a Área Metropolitana de Vigo e que, curiosamente, coincide en boa medida coa antiga provincia de Tui que perviviu ata mediados do século XIX. Tamén houbo vagar para ver espazos dunha beleza natural particular ou espazos onde están algúns dos recursos propios da comarca, así como as súas vías de comunicación moi vencelladas á orografía. En definitiva, un verdadeiro ecosistema con moita historia e cada vez máis interconectado entre si.
O resumo fotográfico o podedes ver AQUI reproducindo de seguido algúns dos momentos do percorrido e das interpretacións realizadas en relación coa conformación da Chan da Lagoa, dos acantilados, dos faros á vista e do debate sobre a eólica mariña en proxeto: