A Concellería de Medio Ambiente ven de presentar a tempada de primavera 2021 do Programa de Educación Medioambiental "Camiño a Camiño".
Entre maio e xuño están previstos paseos interpretativos polos sendeiros locais, en colaboración coa Mancomunidade de Montes de Vigo. Os percorridos durarán entre 2 horas e media e 3 horas, habendo dous niveis de dificultade en función do perfil das persoas participantes. Durante o percorrido terase ocasión de coñecer a riqueza natural do cinto verde que rodea á cidade de Vigo, así como os parques forestais, os miradoiros e diversos espazos etnoarqueolóxicos.
Ao finalizar o paseo, en cada parque forestal, terá lugar unha actuación musical de grupos en colaboración coa Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo.
O primeiro paseo terá lugar no sendeiro local de Candeán (domingo 9 de maio, pola mañá), sendo a convocatoria no Parque Forestal do Vixiador.