Este xoves tivemos ocasión de coñecer de primeira man a situación do clima en Vigo e de como o cambio climático xa se está manifestando de distintos xeitos no planeta e, particularmente, na nosa cidade.
Carlos Balseiro fixo un repaso exhaustivo de como temperaturas medias e precipitacións se están alterando no último século e como hai un quecemento natural e un quecemento provocado polo efecto invernadeiro derivado das emisións de gases derivados do modelo de vida actual. Tamén puxo de manifesto o xa coñecido proceso de paulatina desaparición da primavera e o outono, como están desaparecendo as xeadas, como a choiva caída é a mesma pero de forma máis concentrada, como incrementa a temperatura do mar e diminúe o afloramento tan importante na Ría de Vigo, etc. En definitiva, as proxeccións ata o ano 2100 non son nada satisfactorias se non se toman medidas.
Nas preguntas houbo unha reflexión moi interesante sobre as condicións climatolóxicas que propiciaron os incendios e, particularmente, que explicaron os incendios de Vigo de outubro de 2017.