Finaliza maio e desafortunadamente a previsión do tempo fallou, fixo un tempo razoable para estas datas e todos nos quedamos con cara de sorpresa. Cousas que pasa, pero a vida continúa.
Precisamente nesta primeira semana de xuño a Concellería de Medio Ambiente ten prevista a primeira das rutas nocturnas por Zamáns, o curso de iniciación ao voluntariado e a ruta de fin de semana en Ancares. Para as dúas primeiras actividades arranca a inscrición o luns 28 de maio.
Nocturna polos montes de Zamáns (sábado 2 xuño, 20:30 na Praza do Rei)
Como todos os anos a tempada pecha con rutas nocturnas no entorno de Vigo. Aproximarémonos aos montes de Zamáns e contemplaremos o Val da Louriña, enclavado na gran falla denominada Depresión Meridiana que vai dende Tui ata Carbarallo. Teremos ocasión de comprobar como nos envolve a noite e a fermosa panorámica nocturna dende o alto.
A inscrición nesta ruta é gratuíta e realízase dende o luns ao mércores no 010 (986810260 dende móbil). Para non empadroados a inscrición faise o xoves.
Curso de Iniciación ao voluntariado medioambiental (sábado 2 xuño, 10:00 en Vigozoo)
Como é habitual, antes do inicito da tempada de voluntariado nas Illas Cíes en verán, realizase un curso de iniciación ao voluntariado que habilita a participar nestas accións. Nel abordaranse os contidos relativos a voluntariado e a educación medioambiental precisos para realizar labouras de conservación, limpeza e sensibilización. Estas accións tamén se desenvolven en espazos sensibles da cidade e en Vigozoo.
A inscrición neste curso é gratuíto e realízase dende o luns ao xoves no 010 (986810260 dende móbil).