A Concellería de Medio Ambiente de Vigo, dentro do progama Camiño a Camiño, propón para este mes de marzo percorridos pola Senda Panorámica de Vigo (GR-53), un bonito tránsito pola maioría dos montes periurbanos da cidade onde se sitúan a maioría das 13 comunidades de montes do concello.
Trátase de percorridos de arredor de 10km, de dificultade baixa (aptos para todos os públicos), e que permitirán comprobar os contrastes do monte en estado natural (primeiras dúas etapas) e o monte queimado despois da vaga de lumes de outubro de 2017. Se o día acompaña, poderanse contemplar estampas fermosas do monte en inverno e moitas curiosidades ecolóxicas e patrimoniais que encerran.
Na primeira etapa, que sae de Vigozoo, atravesaranse os montes de Candeán e de Cabral, pasando polo Parque Forestal do Vixiador, polos parques forestais de Bandeira e de Baladas, ata chegar ao Parque Forestal de Cotogrande.
Lembrar que a inscrición faise telefónicamente no 010 (986 81 02 60 dende móbil) de luns a mércores para empadroados en horario de 8:00 a 20:00. O xoves pódense anotar non empadroados.
O domingo é preciso estar as 9:00 na Praza do Rei para facer o proceso de recollida do ticket, que nesta ocasión é gratuíto. As 9:30 pártese cara o punto de inicio en Vigozoo. Estímase que sobre as 14:00 estarase de volta en Praza do Rei.
Dado que a previsión é de choiva, recoméndase levar botas de camiñar que agarren ben, bastóns para evitar caídas e capa ou chuvasqueiro que evite coller unha boa molladura