A Concello de Vigo presenta o Programa municipal de educación medioambiental para o período febreiro-xuño 2016. Celébrase a 10ª edición e, por tal motivo, preparouse unha programación ampliada e con interesantes novidades tanto no tocante a percorridos medioambientais como en hortas urbanas e cursos de formación (ver apartado Programa).
Percorridos medioambientais
Inicio da tempada 2016 no Humidal da Bouza con centros escolares |
No tocante aos percorridos medioambientais están previstas 20 actividades
centradas tanto en Vigo e bisbarra como en Galicia.
Poderanse coñecer de preto as concas fluviais de Vigo, co río Lagares
como columna vertebral.
Tamén se farán percorridos polos sendeiros locais de Vigo
(Matamá-Comesaña, Cabral –en proceso de elaboración- e Coruxo –será de noite-)
e polas serras próximas (Faro
Budiño, Serra do Suído, Serra do Galiñeiro –neste caso con actividade de
escalada incluída- e Serra do Morrazo).
En maio terá lugar a IIIª Andaina polos montes de Vigo, que permitirá concentrar a 1.500
persoas arredor dun dos patrimonios naturais máis destacados do concello.
En xuño a actividade centrarase nas Illas Cíes, tanto coa visita de domingo
clásica para dous grupos de 400 persoas como cunha novidade para este ano:
acampada de fin de semana para 100 persoas en dous grupos (un de familias con
nenos e outro de adultos). Entre outras actividades previstas na acampada está
a contemplación do ceo, que acaba de acadar a catalogación “starlight”.
Na programación prevista en Rutas por Galicia, nesta edición están
previstos dous destinos: un novidoso e outro que se repite diante da demanda
dos participantes. O nividoso é a Ribeira
Sacra as fins de semana do 21-22 de maio e 28-29 de maio, incluído na
sesión do domingo un percorrido polas zonas de viñedo e visita a unha adega.
O que se repite é o de Ancares. Será na fin de semana do 17 ao 19 de xuño para os
participantes en mellor forma, cunha travesía de montaña entre Burbia e
Piornedo. Tamén haberá un grupo máis suave só o sábado e o domingo que
percorrera Campa da Braña e Piornedo.
O vindeiro luns 22 de febreiro, comeza a inscrición no 010
(986.810.260 para móbiles) para o primeiro percorrido da tempada. A partir de
aí haberá actividades semanalmente a mediados de xuño.
Hortas urbanas
Durante este mes de febreiro o voluntariado de hortas estivo
traballando nos semilleiros habilitados en Vigozoo e nas distintas hortas para
que así se poida levar a cabo o traballo de primavera.
A partir do martes 23 de febreiro retómase o traballo nas hortas
escola e a partir do 5 de marzo principian tres quendas de Curso básico de hortas
urbanas, que son os que habilitan para solicitar un espazo nas hortas-escola
dispoñibles en Navia, Pedro Alvarado, Fontáns, Sardomela e Camelias. En total
están dispoñibles 13.000 m2 de superficie para esta actividade.
Nesta edición, como novidade, vaise habilitar a horta-escola de Ramón Nieto para a
incorporación de novos usuarios/as. Unha parte estará dispoñible para os que
realicen o curso básico e, outra parte, para alumnado de 2º nivel. Trátase de alumnado que leva máis dun ano
nunha horta-escola e que sexa autónomo para xestionar unha parcela de maior
tamaño que o bancal de 6m2 que hai nas hortas actuais. En función da
demanda existente, tamén hai posibilidade de adicar unha parte da horta-escola de Sardomela a este fin.
Precisamente na horta-escola de Sardomela está previsto que nesta
edición se incorpore un grupo de alumnos e alumnas dos obradoiros de xardinería
da Asociación Down-Vigo, realizando así unha dobre función de formación e
integración social.
Voluntariado medioambiental
Aparte da laboura de voluntariado nas hortas urbanas xa citado,
dende o 23 de febreiro tamén se inician as actividades de voluntariado nos
espazos de interese medioambiental do Concello (Lagares, A Bouza, Areais, Monte
da Guía, Illas Cíes) e as actividades de voluntariado nos sendeiros locais de
Vigo.
No primeiro caso fanse labouras de erradicación de plantas
invasoras, repoboación de plantas autóctonas, limpeza de espazos protexidos e
sensibilización na cidadanía. Nestes momentos estase facendo un traballo
intensivo no Monte da Guía, que está permitindo recuperar un espazo invadido
por acacia negra, así como habilitando o sendeiro que antes percorría a ladeira
do monte ata Punta Lagoa.
En semana santa irán grupos de voluntariado as Illas Cíes a
realizar as habituais labouras de erradicación e de conservación, así como de
limpeza. Estes grupos continuarán posteriormente no verán. Esta laboura
realizase en colaboración co Parque Nacional das Illas Atlánticas.
No voluntariado de sendeiros abordarase ao principio o acondicionamento
dos sendeiros xa trazados (nos dous últimos anos levanse preparado 6 sendeiros,
aparte do GR-53) e posteriormente iniciaranse os tres previstos para este ano:
sendeiro local do Monte da Guía, sendeiro local de Cabral e sendeiro local de
Valadares. Esta laboura realizase en colaboración con Montes de Vigo e as
respectivas comunidades de montes. No caso do Monte da Guía estase realizando
en colaboración coa Asociación Voces polo Litoral de Teis.
Cursos de formación
Aos habituais cursos de hortas e de voluntariado medioambiental
previstos para o mes de marzo, nesta edición incorpóranse dous cursos novos
relativos a temas de vida saudable: “alimentación saudable no almorzo, xantar e
cea” e “viticultura en Galicia: aprender a diferenciar os nosos viños”.